Principio y fin
Entrevistas / Pantis

Principio y fin

Nonito Pereira Rey — 06-04-2016
Fotografía — Archivo

Música, palabras e imágenes convierten “Pranto” (Prenom,16) en un buen conductor de la energía creativa generada por Rubén Domínguez, músico y realizador audiovisual que formó parte de los excitantes Telephones Rouges y ahora traza nuevas perspectivas bajo el nombre de Pantis, un proyecto unipersonal sostenido sobre distintos ejes artísticos.

A continuación os presentamos la versión integra (en galego) de la entrevista mantenida con motivo de la reciente publicación de este primer trabajo.

Unha das sensacións máis intensas que chegan ao escoitar “Pranto” é a forza descriptiva que teñen, tanto en conxunto como nun hipotético desligamento, letras e sons. ¿Como concebiches a unidade do disco e a secuencia das cancións?

"Pranto" está concebido coma unha totalidade. Unha narrativa vinculada ao pasado e ao presente na que os seus extremos se tocan como prólogos e epílogos. "Cadê" e "Lea" son un inicio pero tamén un final. No medio sucédense as reflexións nunha hipotética viaxe de escuridades, nunha estrada semideserta. Hai baleiro, desamor, perda, emigración, xuventude e humanización da paisaxe. As cancións están todas tocadas dunha emoción punzante, dunha profunda necesidade de expresión, afirmación, negación... Unha vinculación interior que se materializa no fío condutor do disco que son os espazos pechados, lugares e non-lugares que gardan relación entre si mesmos, nos que case nunca hai posibilidade de saída.

Desde o principio da concepción do disco, tiven claro que quería que "Pranto" fose unha viaxe necesaria, de aí a ligazón entre os temas e tamén entre as letras. Hai apelacións entre elas, imaxes que se repiten e diálogos coas diferentes partes do discurso, por iso cando falabamos da posibilidade de editalo en vinilo, nunca o tiven moi claro, por esa ausencia de pausas que entendo necesaria para sumerxirse no ritmo interno do disco. Tamén é certo que non quería o típico disco no que os temas se encandenan configurando unha única pista, por iso hai un leve espazo entre os cortes. Isto tamén me da pé a desenvolver outras facetas do álbum sen condicionar demasiado a independencia das cancións".

Neste primeiro disco de Pantis os sons electrónicos teñen un destacado protagonismo. ¿Tería a mesma intención de ser interpretado con outros instrumentos?

"Os sintetizadores dixitais e analóxicos que hai no disco están intimamente ligados coas letras, coa sonoridade das palabras e tamén con como están conectadas as imaxes. En "Balar" hai un momento no que me refiro a "unha canteira de aves flotando no ceo" e nese momento un sintetizador tétrico recorre a escena coma unha banda sonora dunha peli de Hitchcock. Os sintetizadores están pensados para dotar aos relatos de cinemática, de movemento, e tamén para volver as cancións máis físicas. A veces penso os sonidos de sinte coma a textura das paredes, coma a descripción do espazo e tamén como narrador omnisciente.

Intentéi prescindir todo o posible das guitarras e dos baixos. Quería que non tivese unha tímbrica habitual aínda que quedaron algunhas reminiscencias en cancións como Lea ou Cadê. Hai temas nos que de feito non hai ningunha guitarra nin baixo coma  Alén, Cosmon ou Xinxa nas que realmente me aproximo máis ao lugar cara o que quero ir. Nos concertos de feito a presenza das guitarras cada vez é máis residual e pouco a pouco os sintes irán invadíndoo todo. Por outra parte estou seguro que este disco non podería acadar a mesma atmósfera empregando unha instrumentación clásica do rock ou do pop. Cada sintetizador ten o seu sentido. Non houbo moita marxe para a improvisación".

 ¿Cal foi o instrumental que usaches para a gravación?

"Na gravación quixen combinar o pre-deseñado coa presenza do humano. Desde o principio tiven claro que quería que as baterías fosen tocadas en directo e non loops ou samplers. O meu amigo Cibrán Tenreiro, batería de Monstruo e Esposa, foi o primeiro no proceso. Gravamos todas as pistas del nun día e con iso construimos todo o demáis. Sobre esa base de realidade, houbo un proceso de maquinización para que os golpes foran intimamente ligados cos baixos dixitais e con outros elementos rítmicos que debían estar amarrados moi proximamente. Unha vez tivemos esta base rítmica viramos sobre a liña do tempo capachos de sintetizadores dixitais que fun construindo un a un cun software. Para rematar gravamos algunhas guitarras, algún baixo e bastantes reforzos co meu Casio de toda a vida, que empreguei máis ou menos en todos os discos que fixen até agora.

Ao final xuntámonos con cancións que tinhan cincuenta pistas diferentes nas que polo menos corenta eran necesarias. Coma te podes imaxinar o proceso de mestura foi complexo e por momentos desesperante aínda que contar con Ibán Perez (Estudio Terraforma) aos mandos foi a minha salvación. Entendeu desde o primeiro momento o disco e puxo todo de si mesmo para concretar as ideas que a priori levaba ao estudio. Alí en Hío, comendo bocatas de calamares e falando de mil músicas, Ibán foi o elemento necesario para a realización de "Pranto".

 ¿A utilización da lingua galega é un elemento fundamental na orixe de “Pranto”?

"O galego é a miña lingua materna e na que penso. Era normal que fose o elemento vehiculador das miñas ideas, porque é en galego, e coas formas das palabras e o significado interno das mesmas, no que o meu discurso pode ser máis sincero. "Xinxa" que é unha palabra/idea que por momentos recorre o disco non é o mesmo que "hierba mala". A dimensión histórica, sociocultural desa palabra é instrasferible. Con isto quero dicir que este disco non diría o mesmo se as letras fosen traducidas ao castelán por unha suposta necesidade de chegar á máis xente. O que me gusta das músicas é cando expresan as súas realidade íntimas, heteroxéneas nas que as melodías, acentos e intención se transforman nunha riqueza cultural inmensa. Neste aspecto sempre penso na música forró brasileira, na que a linguaxe se convirte en ritmo, cadencia, pertenza e sobre todo honestidade. E ao final eu creo que a creación musical aquí tense que desprender dunha vez por todas dos prexuízos e dos modelos asimilados. Hai unha riqueza impresionante por explorar e todo por realizar na música feita en galego".

 ¿O traballo visual desenvolvido nos clips forma parte da mesma idea ou emoción que agardas transmitir nas cancións?

"Ao mesmo tempo que ía escribindo as cancións ía facendo apuntamentos de posibles videoclips para os mesmos. Quero que a dimensión visual do disco complete o discurso e por iso a idea que temos en PRENOM é a de facer unha peza para cada corte que, coma as cancións, estén ligadas entre si. Mes a mes iremos publicando un novo vídeo para chegar ao 2017 co círculo pechado. O seguinte que imos publicar será o da canción Alén que xa se está cociñando e sairá nas próximas semanas.

Supoño que esta dimensión ven dada polo meu traballo no audiovisual e tamén por outra necesidade miña de afrontar na totalidade o corpus estético do proxecto. Tiña unha pequena espiña cravada de non ter realizado ningún clip para Telephones en todo o tempo que durou a banda e agora, coa liberdade que representa Pantis, síntome completamente libre para realizar calquera idea por moi arriscada que sexa. De feito, no clip de Viaduto quixen realizar un lyric video, empregando coma referencias esas pezas que abundan por Youtube realizadas co Movie Maker pero dándolhe unha presenza á tipografía e ao desenho en relación ao ritmo e ás capas da canción. Que as palabras fosen protagonistas e escenario ao mesmo tempo".

¿É este debut unha declaración de intencións do proxecto ou baixo o nome de Pantis poden aparecer traballos doutro xénero?

Pranto é un presentimento e Pantis un espazo de liberdade nómada. Un espazo de creación transportable. O futuro é un misterio.

Lo siento, debes estar para publicar un comentario.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.